Un mapa de 1789

Artigo realizado a partir de información gráfica obtida en: https://arqueotoponimia.blogspot.com/2017/11/mapa-de-avion-por-rosendo-amoedo-1789.html

Este mapa, de “la jurisdicción de Avión que existe a los cuarenta y tres grados del Polo y comprende siete parroquias en el Obispado y Provincia de Orense, Reino de Galicia” pertence ao Diccionario Geográfico de España: Orense y Pontevedra de Tomás López en 1789. No fondo á esquerda do mapa di que “Rosendo Amoedo lo esquició” (“esquiciar” significa empezar a deseñar ou debuxar).

O ribadaviense Rosendo Amoedo (1736-1805), cartógrafo, debuxante e pintor 1, foi xuíz nas xurisdicións de Roucos e de Avión. Seguramente por iso coñecía bastante ben o seu país.

No mapa da xurisdición de Avión pódense ver perfectamente os principais cursos fluviais e as máis importantes vías terrestres de comunicación, sinalando algunhas das pontes. O camiño de “Ribadavia a Pontevedra” parece ser o máis importante, cruzando polo Suído, sen afectar ás zonas poboadas, salvo nas inmediacións de Camposancos. Tamén pasa moi cerca do “castro de Ripás“. Outra vía procedía do cruceiro da Serra (concello de Leiro), entrando por ponte “Balderías” en dirección a San Xusto e ao castro de San Vicenzo, subdividíndose en varios ramais pra dar servizo a distintas parroquias. Pasando por Abelenda, entroncaría coa xa citada vía Ribadavia-Pontevedra do Suído. Outras dúas vías terrestres saen da xurisdición de Avión, unha por Couso e outra por Córcores, esta última posiblemente cara a Santiago de Compostela.

Sorprende a presenza de tres foxos de lobo, necesarios pra controlar a poboación destes cánidos salvaxes. Teñen muros converxentes en forma de “uve” que remataban nun puzo a onde eran conducidas inevitablemente as feras. A lonxitude dos muros, se é que se corresponde coa escala do mapa, suxire que os foxos deberon ser de bo tamaño, podendo ter case tres quilómetros ou, aproximadamente, media legua.

Podemos advertir marcas de arbolados e cultivos, diferenciando os que poden ser zonas de vides, pois nestes lugares aínda hoxe se atopan evidencias de antigos traballos vitivinícolas. Pódense ver restos dos socalcos das viñas e ruínas de vellas adegas, nas que aparecen con certa frecuencia pensos de lagar, particularmente nas cercanías de Beresmo, Amiudal, Pascais, Abelenda e Albarellos, este último do actual concello de Boborás.

Suliñar tamén a presenza no mapa de dous castros, que non serían os únicos daquelas terras, pero si os máis impoñentes e dos que se contarían máis lendas nas noites de inverno e lareira: o “castro o castillo de Ripás, que sirvió de atalaya a los antiguos“, e o castro “de San Vicenzo, que fue castillo en tiempos de los romanos y aún hay vestigios.” Naqueles tempos aínda se podía ver no monte do castro de San Vicenzo a misteriosa estatua de “San Salvador” 2.

A continuación transcríbese a lenda que figura ao pé do mapa de Tomás López, por conter algúns datos históricos. As letras maiúsculas son as que aparecen no propio mapa:

A. Mojones que expresan los límites de la Jurisdicción de Avión.

B. Armas y Blasones que por el apellido e Sarmiento lleva el Conde de Ribadavia, dueño y señor de dicha jurisdicción de Avión.

C. Iglesia parroquial de San Justo y Pastor de Avión erecta en el año de 1312, cuyo beneficio presenta in solidun el Señor Conde de Ribadavia.

D. Castro de San Vicenzo, que fue castillo en tiempos de los romanos y aún hay vestigios.

E. Puente Balderías en el río que viene de la feligresía de Nieva.

F. Iglesia parroquial de Santa Eulalia de Barroso de la que es presentero el Conde de Ribadavia.

G. Iglesia parroquial de Santa María de Nieva o del Caseiro, presentación del dicho Señor Conde.

H. Capilla de San Benito en el lugar de Camposancos, feligresía de Nieva.

I. Castro o castillo de Ripás, que sirvió de atalaya a los antiguos y en su descenso hai innumerables grutas que son madrigueras de lobos, jabalíes y otras fieras.

J. Iglesia parroquial de Santa Marina de la Abelenda, del patronato y presentación del Señor Conde de Ribadavia.

K. Fuente Ovaria, origen del río Avia que, incorporado por otros, se une al Río Miño en los términos de Ribadavia.

L. Iglesia parroquial de Santiago de Amiudal de presentación del Obispo y monjes benitos de San Martín de Santiago.

M. Iglesia parroquial de Santa María del Couso del patronato del Monasterio de Melón, orden del Císter.

N. Priorato de Liñares del Monasterio de Melón.

O. Iglesia parroquial de Santa Marina de Córcores, del patronato de San Martín de Santiago.

P. Alto del Monte del Faro.

Q. Monte del Suido

R. Camino que viene de Ribadavia y pasa a Pontevedra.

Como o mapa orixinal posúe o Oeste na parte superior, xirámolo 90º pra que o Norte quedara arriba. Preténdese así facilitar a identificación de redes fluviais e camiños en comparación cos mapas actuais. A liña que se ve no mapa como escala gráfica e que marca unha “legua común de España” equivale, aproximadamente, a 5,5 ou 6 quilómetros.

Identifica as parroquias, sinalando a correspondente igrexa. Os templos que aparecen no mapa coinciden coas actuais parroquiais, a excepción da capela do San Bieito de Camposancos. Son as sete parroquias que, con Baíste e Cortegazas, suman as nove que compoñen o actual concello de Avión.

A liña que se traza en vermello une os marcos inmemoriais, que posiblemente aínda se conserven hoxe, pois coinciden cos límites de provincia. Na época de Tomás López non existía a provincia de Pontevedra: A xurisdición de Avión lindaba coa provincia de Tui ata, máis ou menos, a zona de Abelenda. Máis cara o Norte, lindaba coa provincia de Santiago.

A imaxe da esquerda corresponde cun fragmento dun mapa de Galiza do mesmo Tomás López, tamén en 1784.

Cómpre suliñar que as técnicas cartográficas non eran moi avanzadas, por iso os mapas poden ter graves imprecisións. Aínda así, o seu valor histórico é incuestionable.


(1) GONZÁLEZ PÉREZ, CLODIO: “Rosendo Amoedo. Cartógrafo, debuxante e pintor (Ribadavia 1736-1805)”. Boletín Auriense (47). Pp. 189–250. Museo Arqueolóxico. Ourense. 2017.

(2) RIVERA, CESÁREO (1883): “En el centro del castro sorprende una estatua de piedra, borrosa, carcomida y desfigurada por el musgo y la humedad, de apariencia bizantina y de altura de un metro, estatua que, según los supersticiosos montañeses es la efigie de San Salvador, encontrada en una de las frecuentes excavaciones que practicaron en el castro en busca del imaginario tesoro.”

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario