O Sesume do Avia

Considérase o Sesume do Avia, no concello ourensán de Avión, coma o río subterráneo máis caudaloso de Europa en formacións graníticas. O caudal do río non se ve en superficie, circulando baixo terra máis de douscentos cincuenta metros. Contaban os veciños daqueles lugares que alí “desaparecían as vacas” pero ninguén, salvo algún atrevido, coñecía a espectacularidade das cavidades traballadas pola auga e polo tempo.

O Sesume formouse polo encaixe do río nunha fractura xeolóxica, que a auga continuou socavando inverno tras inverno durante milleiros de anos. Nas épocas de maior caudal, a forza da auga arrastrou polo cauce grandes bloques de granito, a maioría deles desprendidos das paredes do canón que formara a fractura.

A acumulación de rochas e a formación de covas subterráneas provoca que o río Avia “desapareza” durante un treito por debaixo deles nas épocas de estío.

As covas que se formaron son espectaculares, con incribles bloques graníticos e marmitas que se formaron pola corrente de auga ao longo do tempo.

O proxecto de investigación Proxies 2, coordinado polo Instituto de Xeología Isidro Parga Pondal da Universidade da Coruña en colaboración co Clube A Trapa-Cetra, de Vigo, estuda a topografía e a evolución destas fermosas cavidades naturais.

Enlace a un vídeo de “Producciones Montana(YouTube). Hai un pequeno erro de ubicación, pois o Sesume non está exactamente en “Albarellos” senon no concello de Avión, xusto antes do embalse de Albarellos:

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario