Abelenda…
“Santa María de Abelenda de Abion, capital del ayuntamiento de Abion“, así aparece no dicionario Madoz da metade do S. XIX. Tamén lle atribúe ao “valle de Abion” a produción de, entre outros, “maíz, centeno, habas, castañas y vino“, e no que tamén se contabilizan ata “17 molinos harineros“.
A verdade é que, a día de hoxe, Abelenda sorprendeunos por exemplo, con unha das máis fermosas vistas da fervenza da Feixa, cun número de canastros que, supoñemos que en poucas datas poderemos saber se é o núcleo que máis deles ten, pero o que máis nos sorprendeu nesta visita ao primeiro val do río Avia foi a increíble e fermosísima paraxe que forman os muiños de “Piajos” e o “Pozo de Francisco“, coa súa presa, a súa pequena fervenza, a súa illa e un bolo granítico espectacular. Non deixedes de visitalo…
Dada a produción de viño que houbo, chegaría o Ribeiro do Avia ata “Abelenda de Abion“.
E xa que falamos do río que da Orixe ao Ribeiro, outro gorro de regalo para o primeiro que nos diga de que afluente recibe o noso río Avia as súas augas en 2 puntos diferentes (distanciados en varios centos de metros) e os dous lugares nos que acontece!
Acevedo…
Unha viaxe ao pasado apenas a 30 metros da estrada que une este fermosísimo pobo co veciño Doade.
Parece que o tempo se detivo aqui.
Máxico, sorprendente… realmente merece a pena visitalo e, unha vez visto, pechar os ollos…
Estas fotografías son tan só unha pequena mostra do que vos podedes atopar.
Barroso…
… o pobo con artesanía textil no pasado.
“Comercio que les proporciona la feria de Camposancos, a donde llevan el sobrante de sus cosechas y sus telas de Leras o burel”, “Industria agrícola, pecuaria, telares, batanes y molinos harineros“, Diccionario Madoz IV Tomo (Madrid, 1849).
Na actualidade conta con varias eiras, e unha delas destaca por ser unha das que máis canastros xuntos ten de toda Galicia, así coma por estar nun moi bo estado de conservación. Tamén conta no río folos cun conxunto etnográfixo nun marco fermosísimo, no que destacan a ponte, a presa, un muíño (que ben se presta a rehabilitalo) e, sobre todo, un excepcional e senlleiro acueducto con paso para auga e para xente e cun arco gran beleza.
A Carixa…
Un lugar “máxico”. Seguramente o pobo máis agochado do noso concello, pero ao mesmo tempo marabilloso.
Conta con un bonito forno na parte alta do pobo onde da comezo unha carballeira que chama a ser visitada, sobre todo a partir de agora que comeza a tempada de setas.
Pero sen ningunha dúbida, un dos lugares máis fermosos do noso concello atopámolo no río, con unha ponte e un muíño espectacularmente conservados ao seu carón, dando lugar a un cadro realmente máxico, non dubidedes en visitalo.
Pero este “cadro” non queda aquí, xa que uns metros río arriba atopamos un manantial de augas con propiedades “curativas” que merece a pena recuperar, convertindo todo o conxunto nunha visita obrigada dentro do noso concello.
42,37215° N, 8,28973° O
Amiudal. A antiga capital municipal…
Xa ben metidos no outono retomamos a nosa viaxe por terras de Avión en Amiudal. Amiudal é sen dúbida terra de auga, de fontes e lavadeiros, pero tamén foi terra de viño, moito viño, durante algúns séculos. Proba delo, e formando un fermosísimo conxunto etnográfico xunto co muíño e a presa de Xustos, e onde mesturan as súas augas os ríos Couso e Avia, atopamos as adegas e lagares da Pedreira, xa referenciados en mapas antigos como tales.
A Asociación de Veciños de Amiudal, Surribas e Barro e a Asociación Cultural Vive Avión traballamos para a recuperación dun dos lagares mellor conservados do Concello.
Amiudal viu nacer a un auténtico aventureiro como foi Alfonso Graña (“Rei dos Xíbaros”), e tamén se di que de Amiudal saíu o primeiro emigrante transoceánico do concello.
Por certo, según Pascual Madoz, ata que ano foi capital municipal Amiudal? O primeiro que resposte correctamente recibirá un pequeno agasallo!
Seguídenos nesta agradable viaxe!
Beresmo…
Un pobo que lonxe de esmorecer, cada día parece ter máis vida.
Beresmo conta con innumerables manifestacións da nosa arquitectura popular, como así o demostran os seus restos de lagares, eiras de canastros (seguramente fose un dos pobos con maior produción de viño e cereais en tempos pasados) e vivendas tradicionais. Ademáis, é o único pobo do concello que conserva o seu entroido ancestral.
Merece a pena dar un paseo polas súas rúas e subir aos canastros da Murada, xa que nos ofrecen unhas fermosísimas vistas.
Casardonabo, Casar do Nabo (A Porta Máxica)…
Catalogado como núcleo singular do Concello de Avión, e ben merecido, é un auténtico privilexiado por varios motivos:
• É a primeira porta que cruza o Río Avia, pai do Ribeiro, e o primeiro pobo en ser regado polas súas augas.
• Tamén é porta de entrada dos máis duros temporais do suroeste que tanta auga deixan na nosa terra, e que tanto agradecen comarca abaixo.
Pero a auténtica maxia desta porta é cruzar o seu umbral e adentrarse nunha ruta verdadeiramente fantástica: a ruta da Fraga de Ripás-Chozos do Suído, unha delicia de paseo por un fermosísimo bosque autóctono cheo de sorpresas. Os amantes da natureza en xeral deberían facer esta ruta, e sobre todo aqueles que teñan algún vínculo co Río Avia. Sen ningún tipo de dúbida, o máis fermoso paseo a carón do Avia é, no seu curso alto, a Fraga de Ripás, un paseo verdadeiramente natural, ata atopamos unha araña a traballar nun muíño…
Fraga de Ripás: 42,3634250, -8,2977420
Córcores…
Sen dúbida, ao que máis evoca Córcores é a emigración, quizais por algúns baúles que noutrora viaxaron cargados de ilusións e agora permanecen entre cascallos de casas que xa non resistiron máis en pé…
Unha visita a Córcores é unha lección sobre algunha das nosas tradicións e oficios, hai pezas da nosa arquitectura popular executadas con verdadeira mestría, pero sobre todo é unha lección porque do que era unha eira de canastros, xa só quedan algúns pés e algún tornarratos, o que é un exemplo moi clarificador do expolio que leva sufrido o noso patrimonio.
Cortegazas…
Aínda que non tanto coma Camposancos ou A Edreira, Cortegazas é un dos pobos máis altos do Concello de Avión (xa que se sitúa entorno aos 750 M.S.N.M).
E resulta ser un pobo ben peculiar, con dúas partes ben diferenciadas (nova e vella) separadas pola estrada que nos leva ao Monte Faro de Avión. A parte nova é máis alta, con recién estreado título de “Aldea Modelo” con formigón e adoquinado, e que nos regala unhas espectaculares panorámicas, contrasta coa parte vella e máis baixa, onde as súas fermosas ruinas son abrazadas por polas de carballos e castiñeiros mesmamente centenarios. Conta cun canastro a carón da estrada, tan fermoso coma singular, polo pequeno e traballado que é, merece a pena velo.
Conta tamén cunha curiosa igrexa, a de San Antonio de Cortegazas, cun espectacular tellado de lousas de granito nunha das súas partes. A outra parte ten unha das súas paredes apuntalada para non virse abaixo, o que sería unha pena.
Cómpre lembrar que Cortegazas, ao mesmo tempo que pobo, tamén é parroquia (San Antonio), algo que só volve a ocurrir no noso concello en Córcores.
Tamén posúe un foxo de lobo, ao que xa temos feito referencia, que aínda non fomos quen de localizar e documentar (cando veña o bo tempo seguiremos coa busca).
Prestade atención a este pequeno fragmento da “Guía de Galicia” de Cesáreo Rivera do 1883 onde se fai mención expresa a Cortegazas:
“Recomendamos al viajero las montañas de Avión, como uno de los más característicos lugares del interior de Galicia. (…)
Son muy abundantes en estas montañas los jabalíes, los corzos, el gato montés, la zorra, las perdices, codornices, chochas, etc., tanto, que solamente en el reducido espacio de la parroquia de Cortegazas, se han matado en el invierno último once jabalíes; de suerte, que una excursión a estos lugares, puede tener, además de la novedad que la naturaleza ofrece, los encantos de una fiesta cinegética. Y por cierto, que frecuentemente vienen a estos parajes con tal objeto, los oficiales de las escuadras ingleses que visitan el puerto de Vigo.”
Edreira…
No desvío da OU-212 hacia Espiñeiro iniciamos a subida hacia Edreira, unha subida que ten a primeira recompensa nunhas das máis fermosas vistas do concello. Unha parada xusto a carón da estrada que ben merecería un miradoiro (42º23’55.7”N, 8º17’39.9”W).
Fermoso é neste mismo punto escoitar as abellas traballar nas flores dos carrascos e carqueixas (abundantes na nosa flora).
Seguindo a estrada e un pouquiño antes de chegar a Edreira atopámonos co Chozo do Campo de Amiudal tristemente en estado de semirruina.
O núcleo, que é o que está situado a máis altitude do noso concello xunto con Camposancos, componse de tres “lugares”: Edreira nova, Edreira vella e Covelo. Vaias por onde vaias estás sempre acompañado pola auga e o seu son rebulideiro. A súa paisaxe convida a imaxinala cun bo manto de neve.
Coma todos os pobos, as manifestacións da arquitectura popular son abundantes, pero atopamos un conxunto realmente digno de aparecer en calquera libro. Nel destacan unha entrada ao curral cun gran arco de descarga, pero é sobre todo o conxunto de escaleiras e o seu correspondente e grande patamal o que o fai tan senlleiro (ata o de agora non viramos tal composición). Deixámosvos as coordenadas pa que vos animedes a visitalo: 42º24’50.0”N, 8º19’05.0”W.
É de lei agradecer a Elidio por ternos ensinado o pobo, e sobre todo por, aínda hoxe, manter viva unha das máis importantes actividades no noso concello ao longo da súa historia: a gandería, ou a máis ben decir, gandería heroica.
Non deixedes de visitar este recuncho da parroquia de Couso, é un festín para os sentidos.
Se dicidides subir a Edreira, facédeo pola ruta que vos mencionamos ao principio, xa que polo lado de Beatriz-Portela da Cruz, o estado da estrada é lamentable.
Espiñeiro…
Continuando a nosa viaxe por Avión, compartímosvos estas imaxes e este texto que Loly Pérez Barreiro nos envía para amosarnos o seu pobo, Espiñeiro. Moitas gracias Loly por a túa colaboración!
E animámosvos a todos a colaborar!
“Non sabemos a sorte que temos de poder disfrutar de cada un dos recunchos dos nosos pobos. Dende pequena disfrutei do meu Espiñeiro, nel xoguei, corrín, andei en bicicleta, inventamos historias… sinto que nos seus camiños están gardados todos eses momentos da miña infancia e todas esas historias de cando os nosos avós e pais vivían ali. Aínda se poden atopar algúns recordos da emigración e algúns lugares, coma o muíño onde se xuntaban todos eles, a Fonte da Ovella e máis recunchos cheos de historias.
Pd: Non deixemos morrer eses lugares.”
Liñares…
O reloxo de sol do adro da igrexa de Liñares marca o comezo dun novo proxecto, unha viaxe polos pobos e lugares do noso concello de Avión.
Arquitectura relixiosa, arquitectura popular, paraxes naturais…
Convidámosvos a compartir!
Agradecer tamén a D. Eliseo Cerdeira por ensinarnos a casa do pobo, unha auténtica marabilla!
A nosa seguinte parada case vai ser unha viaxe ao pasado…
Por certo… alguén ten oído falar da fábrica de vidrio de Liñares?
Mouriscados (un pacto co Sol)…
Lembro con especial agarimo como os primeiros raios de sol que entran polo este fan máis levadeiras as mañáns de xiadas duras e, por iso, parece que Mouriscados ten un pacto co sol.
Pero imos para alá, voltamos outra vez pola estrada ducias de veces e non somos capaces de ver o que este pobo nos ofrece: ábrenos a porta á fervenza da Feixa dende unha tosca e vella ponte ao mismo tempo que fermosa, testigo de innumerables viaxes de carros que deixaron pegada nas suas pedras seguramente recolocadas máis duha vez. Pero tamén a ambos lados da estrada, a parte baixa e alta do pobo lévannos a unha viaxe ao pasado con fermosísimas construccións que están a punto de desaparecer engulidas por enredadeiras e silvas que mesmo parecen querer collernos para que nos quedemos.
Cada día estamos máis sorprendidos dos recursos ilimitados que os nosos ancestros tiñan para construir as suas vivendas utilizando o que tiñan ao seu carón.
Non hai reportaxe fotográfica ni voo de dron que sexa capaz de transmitir o mismo ca un paseo por estes recunchos que dunha forma ou de otra nos pertencen.
Recomendable levar aos máis pequenos a estes lugares. O futuro é mellor coñecendo o pasado.
San Vicenzo…
Unha noite estrelada de lúa nova (e case mellor de inverno) é unha preciosa estampa que nos ofrece dende o seu Castro, e, por suposto, de día vistas sempre fermosas.
Un singular pobo de construcións case cen por cen en granito.
Chama moito a atención a gran cantidade de restos de lagares de viño que podemos atopar nas vivendas tradicionais, para a transformación da uva noutrora colleitada nas ribeiras dos ríos Avia e Valderías entre outros.
Por certo, un reto: na capela de San Vicente hai restos dun lagar e restos dun petróglifo, a ver se os atopas!
Ruta San Vicenzo ou San Vicente
Unha pequena ruta arredor do castro de San Vicente que nos permite ao mesmo tempo disfrutar da andaina en sí, ademáis de coñecer, mediante unhos paneis que nos imos atopando, algúns dos pobos do Concello de Avión, así coma dos concellos do arredor.
Tamén nos axuda a facernos unha idea da magnitude que debía ter o asentamento, xa que o que coñecemos del, que son as murallas coas súas terrazas, seguramente sexan unha moi pequena parte do conxunto.
Xa a punto de adentrarnos no pobo de San Vicente cruzamos un pequeno regato que nace a escasos metros da propia croa do castro, e quen sabe se esta era a fonte da que bebían os nosos ancestros. Este regato convertirase no regato do Cachizo.
Despois de ver o moi ben conservado forno de San Vicente, a eira de canastros e a capela, voltamos ao punto de inicio da ruta, e de aí subimos ao mirador do Castro para voltar e finalizar esta fermosa andaina na que obtivemos unha apetitosa recompensa.
Para poder obter información sobre outras rutas no noso Concello, podedes entrar na páxina web do Concello de Avión.
San Xusto…
Aínda que non o pareza, tanto A Alén coma Cendós e O Igrexario contan con moitas manifestacións tanto de arquitectura popular coma relixiosa, algunhas, únicas no noso concello (e bastante escondidas) coma por exemplo a torre de orixe medieval de Cendós (Torre de Zendones) que ao largo da súa historia tivo múltiples funcións, coma a de cárcere. Tamén foi testigo do interrogatorio aos veciños para a realización do Catastro de Ensenada (1752).
Algunhas xoias das que falamos amosámosvolas nestas fotos, pero outras hai que facer unha visita e descubrilas…
Outra xoia máis da arquitectura popular do noso concello. Gracias a Blanca Fernández Perdiz por deixarnos amosar esta auténtica marabilla!
Trátase dun pombal (ou pombar) de planta cilíndrica e tellado cónico. Espectaculares os nichos do interior, así coma a trabazón de madeira da cuberta.
Vilar…
Podemos decir que Vilar é a transición do val a montaña do noso concello. Como non podía ser doutra maneira, conta con moitas manifestacións de arquitectura popular, pero cabe destacar a súa fermosa eira, que nos ofrece unas fermosas vistas tanto do pobo coma da montaña (onte nevada).
Pero se hai algo que chama a atención é a gran cantidade de castiñeiros centenarios que podemos atopar. Hai que recordar que a enfermidade do chancro (mediados do século XX) acabou con moitísimos soutos; de verdade que merece a pena camiñar entre estes “heroes”.
Seguramente, coma en moitos outros lugares de Galicia, fóronse levando os castiñeiros hacia a montaña para deixar as ladeiras máis baixas para o cultivo da vide. O aproveitamento da madeira do castiñeiro para as pipas ou cubas do viño era moi habitual.
A día de hoxe en Galicia hai unha enorme demanda de castaña de calidade, e mismamente se está investigando a madeira dos castiñeiros para envellecer algunos dos nosos viños.
Non deixedes de buscar unha sobreira que hai entre os castiñeiros….é maxestosa!
Por certo, bótalle unha ollada á última foto para ver quen nos veu saudar na nosa visita a Vilar.