Recibe ese nome pola presenza dunha capela adicada a ese santo, nunha aldeíña homónima, onde comeza a ascensión cara o outeiro ou Coto do Castro, coroado na súa cima por unha grande formación granítica, un altar natural, como o definiu Cesáreo Rivera en 1883.
No lateral dun dos penedos podemos ver unha sucesión de chanzos, ao estilo das escaleiras doutros xacementos que foron santuarios prerromanos.
A escaleiriña conduce á parte superior da peneda na que atopamos varias pías, algunhas naturais, pero outras claramente antrópicas. Un auténtico altar, e un lugar privilexiado, dende o que se controla visual e auditivamente toda a súa contorna.
Noutra peneda, case a rentes do chan, hai unha ringleira de coviñas gravadas.
O castro chegou ao século XXI sen escavacións nin estudos sistemáticos, envolto en lendas como a do San Salvador, unha enigmática figura de pedra que alguén descabezou, rodando a testa monte abaixo pra non aparecer nunca máis.
A pesares dalgunha actuación dos buscatesouros, que sempre destrúen probas e nunca aportan nada ao coñecemento xeral, o castro de San Vicenzo, ou San Vicente, segue intacto agochando información sobre os modos de vida, actividades cotiás, relacións con outros castros, arte ou relixión… que a catas e estudos futuros poderán axudar a descubrir.
Por iniciativa da e da Asociación Cultural Vive Avión e da Comunidade de Montes de San Xusto, co apoio do Concello de Avión e financiada pola Xunta de Galicia, realizouse unha pequena sondaxe arqueolóxica con tres catas que nos achegou algo de información sobre os habitantes máis antigos destas terras de Avión.
Os achados nas escavacións, por humildes que parezan, poden dar moita información sobre o seu uso e a súa datación relativa, tendo en conta a súa posición orixinal nos estratos do terreo. Esa información é a que botan a perder os cazatesouros ou furtivos, alterando a composicion estratigráfica e desbotando elementos que lle pasan desapercibidos, pero que poden ser valiosísimos para o estudo dos xacementos como poden ser sementes ou pequenas probas de actividades cotiás.
Na interesante lección de Arqueoloxía que deron os responsables da escavación o 22 de decembro de 2023, insistiron na necesidade de escavacións regladas e na exposición pública dos traballos realizados nesas catas.
Desa primeira campaña salientar a aparición de cerámica típica dos castros, ademais dos restos dunha ánfora romana, e o descubrimento do que puido ser unha porta monumental de acceso ao recinto superior.
Campaña de 2024
En setembro de 2024, a segunda campaña de escavación, promovida e financiada pola Comunidade de Montes de San Xusto e a Asociación Cultural Vive Avión, sorpendeu pola súa orixinalidade plástica.
En primeiro lugar, apareceu un fermoso exasquel, formado con liñas moi ben gravadas nunha lousa rectangular situada boca abaixo:
En segundo lugar, moi cerca da anterior, atoparon outra lousa, tamén volteada e de tamaño similar á primeira, cun deseño orixinalísimo:
Nela podemos ver un X gravado con catro coviñas nos seus extremos, as catro formadas por un círculo en baixorrelevo.
O X parece estar formado por catro puntas de frecha, tamén en baixorrelevo, que converxen no centro. Cada frecha ten dúas varas circulares, igualmente en baixorrelevo, que comparten coas frechas inmediatas anterior e posterior. Esas varas circulares arrodean ao pequeno círculo de cada extremo do X dirixíndose á frecha contigua.
Cada punta de frecha ten dúas varas e cada vara, neste caso trazando un círculo, ten dúas puntas.
A temática de puntas de frecha con dúas varas pode verse noutras producións da Idade do Ferro, coma no relevo da capela do Formigueiro, en Amoeiro, en sucesións alternas e coas varas formando S enfrontadas.
Pero a de Avión é novedosa porque catro frechas converxen nun punto central, formando unha composición cerrada.
De momento, só sabemos dun claro paralelismo nunha rocha irlandesa, en Iveragh, no condado de Perry.