Avión é un concello da provincia de Ourense que limita cos de Beariz, Covelo, Melón, Carballeda de Avia, Leiro, Boborás, A Lama e Fornelos de Montes. Os dous últimos pertencen á provincia de Pontevedra. Na división comarcal, Avión está incluído na comarca de Ribadavia, aínda que tamén está moi vencellado coas terras do Carballiño.
O concello non estivo sempre no que hoxe é a capitalidade municipal. Na páxina 56 do primeiro tomo do Diccionario geográfico-estadístico-historico de España y sus posesiones de ultramar de PASCUAL MADOZ, publicado entre 1846 e 1850, figura “ABELENDA DE ABIÓN” como concello na provincia de Ourense, que tivera a capital en Amiudal ata 1843. As razóns do traslado da capitalidade de Amiudal a Abelenda dánolas MADOZ por “el fuero de su antigüedad y por ser la más poblada, si bien en ella no hay casa municipal.”
Con algo máis de 120 quilómetros cadrados, o concello divídese hoxe en nove parroquias, naquela secular e tradicional división que agrupou aldeas e habitantes arredor dun santo patrón: Santa Mariña de Abelenda, Santiago de Amiudal, Santos Xusto e Pastor de Avión, Santa Baia de Barroso, Santa Mariña de Córcores, Santa María de Couso, Santa María de Nieva, Santa María de Baíste e San Antón de Cortegazas. Estas dúas últimas -Baíste e Cortegazas- non figuraban dentro do concello na relación que fixo MADOZ no seu Dicionario.
O topónimo “Avión” leva a mesma raíz que a do río Avia. É chamativo que no escudo do concello apareza un paxaro do mesmo nome, da familia das anduriñas, cando, en realidade, o topónimo deste concello ourensán non garda ningunha relación con estas aves. Avia, según Moralejo Laso, procede da raíz indoeuropea celta av- ou au-, que significa “corrente” ou “fonte“, sempre relacionado con cursos de auga. En Portugal existe o hidrónimo do río Ave, denominado Avo hai máis de dous milenios.
Ademais do río Avia, que tamén recibe o nome de Avión nestas terras, hai que destacar algúns dos seus afluentes e subafluentes: Taboazas, Couso, Cubeta, Foloso… Forman unha rede de correntes fluviais que chegaron case intactas aos nosos días. Complétase a rede hidrográfica con innumerables levadas e canles feitas polo home, que conducen auga pra regadío, consumo doméstico (fontes e lavadeiros), muíños e actividades protoindustriais, coma a actividade de curtido de coiro que se realizaba en Valderías.
Xeoloxicamente, nas terras de Avión predomina o granito herciniano coexistindo con xistos, rochas metamórficas estratificadas. Os afloramentos graníticos proceden da desaparición dos sedimentos que os recubrían. Expostas aos axentes naturais mediante a meteorización, as rochas poden adquirir formas moi singulares e, as máis das veces, espectaculares.
O clima é continental, suavizado polas influencias atlánticas. Predominan as choivas no inverno e na primavera. Entre decembro e os inicios da primavera poden caír algunhas nevadas. A relativa abundancia de precipitacións alimenta ríos e regatos con suficiencia durante todo o ano.
Tradicionalmente, Avión foi un concello agrícola e gandeiro. Os cultivos máis abondosos eran o millo, as patacas, o centeo e as vides, das que queda recordo nos restos de pensos de lagar e de adegas dispersos polo concello.
No dicionario de MADOZ pode lerse que o concello “disfruta de terrenos llanos, fértiles y de buen viñedo, sin escasear el arbolado de combustible y construcción, y excelente pasto” pra gandaría. Non é tan xeneroso describindo a industria, afirmando que “puede decirse que está reducida a un crecido número de molinos harineros” recoñecendo tamén que existe artesanía, seguramente vinculada ao mantemento de vivendas, muíños, apeiros e vestido. Un exemplo de que tivo que haber pequenas “industrias” pra atender á poboación témolo no lugar de Valderías, onde se estableceu nunha antiga factoría de tratamento de coiro unha casa de turismo rural, na que se conservan algunhas pezas do vello muíño de casca.
No mesmo dicionario, falando explicitamente da parroquia de “ABIÓN” -Santos Xusto e Pastor- Madoz di que “produce maíz, centeno, patatas y pocas legumbres; cría ganado vacuno, lanar y cabrío…” engadindo que “hay caza mayor y menor” escaseando a pesca, aspecto curioso nunhas paraxes de fabulosos ríos troiteiros.
Son destacables as construcións adxectivas que serviron pra os traballos do agro, moi particularmente as fermosas eiras onde se agrupaban, e aínda se conservan, ducias e ducias de canastros utilizados para secar e gardar o millo. Moitos destes canastros sobresaen polo extraordinario traballo dos canteiros, incluíndo en moitos deles o tellado de granito, o que favorece a súa conservación. Sobresaen as concentracións -eiras- de hórreos ou canastros de Beresmo, pero tamén as de San Vicenzo, Cendós, Barroso e Abelenda, entre outras.
Teñen lugar relevante entre as construcións adxectivas os incontables muíños -moitos deles arruinados- que se distribúen por todo o concello á beira de ríos e regueiros, con auténticas obras de enxeñería que conducían a auga por presas, levadas e canles aos rodicios. O muíño foi tradicionalmente un elemento indispensable para o tratamento dos cereais, sempre básicos na alimentación de persoas e facendas. O protagonismo ancestral do muíño hidráulico vén dado pola xenerosidade dos caudais e pola inexistencia doutras fontes de enerxía.
A actividade pastoril tamén deixou polas serras as pegadas daquelas xentes que coidaron o gando: son os chozos, rudimentarias cabanas, moitas delas con curiosos traballos de cantería, que serviron para o acubillo de pastores e de crías de gando durante milenios. Nun traballo de 1996, publicado na revista Raigame, ELADIO RODRÍGUEZ describe estas curiosas construcións, hoxe tamén en desuso.
En canto ao viño, o seus esquecidos cultivo e transformación quedan amplamente demostrados pola existencia de restos desta actividade en lugares con condicións edáficas e orientación adecuadas (bancais, adegas, lagares, aparellos de labranza…) e pola mesma toponimia. Tamén vimos máis arriba neste artigo como MADOZ, describindo as terras de Avión, alude a terreos de “buen viñedo“.
Un traballo de ANTONIO DOVAL ADÁN demostra con datos obxectivos, manexando fontes cartográficas e históricas, a existencia do cultivo do viñedo en determinadas zonas do concello de Avión, cando menos, nos derradeiros trescentos anos.