A Cidá de Abelenda

UN CASTRO MÁIS PARA AVIÓN

Unha vez máis ponse de manifesto o enorme patrimonio do noso Concello. Tras unha información que nos compartiu João Fonte (ERA ARQUEOLOGIA), despois de visitar o lugar da parroquia de Santa María de Abelenda de Avión, coñecido coma a “Cidá” e despois de comunicarnos co Servicio de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, quen nos confirmou que o xacemento está sin catalogar, aínda que hai un expediente aberto do ano 2023 tras un traballo promovido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

A vexetación parece agochar un xacemento arqueolóxico a uns 160 metros ao sur da aldea de “Santa María de Abelenda de Abion, capital del ayuntamiento de Abion“, como aparecía esta parroquia no dicionario de Madoz no século XIX.

Chámanlle A Cidá, e así consta nos mapas de Catastro. Trátase dun outeiro que se presenta máis impoñente a medida que nos adentramos nel, desafortunadamente parcelado en múltiples propiedades privadas. É posible aínda recorrer boa parte das murallas, cando menos unha exterior e outra central.

O nome de Cidá pode reflectir algún tipo de importancia en relación cos outros castros inmediatos. Curioso que esa preeminencia de Abelenda na contorna se mantivera no século XIX como capital municipal.

Percíbese como un óvalo co eixo maior en dirección norte-sur, duns 183 metros, aproximadamente. O eixo menor, con medidas tamén aproximadas, ten uns 125 metros.

Pódese afirmar que ocupa, intramuros, unha superficie cercana ás dúas hectáreas e ten acceso fácil a auga, a terras de cultivo e a recursos mineiros.

Na cima dunha muralla hai insculturas nunha pedra, cinco coviñas e dous cruciformes, estes últimos moi ben marcados.

No centro do xacemento, unha peneda algo inclinada contén canalizacións, que poden ser naturais, que desembocan nunha pía rectangular excavada na rocha. Podería tratarse dun altar, aínda que deberá ser confirmado con escavacións no seu momento.

A destacar a visibilidade directa co castro de San Vicente, situado en liña recta cara o Leste a uns 2,5 kilómetros.

Un castro, con nome de cidade, inédito, entre os ríos de Abelenda e Avia.

En Abelenda de Avión existe outro microtopónimo “O Castro“, lugar situado no camiño que vai á igrexa parroquial, tamén visible dende A Cidá, a uns 600 metros en liña recta e en dirección norte.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario